Ir o contido principal

2 de Xullo - 31 de Outubro de 2021 Fe. Tino Martínez 1971-2016 Fotografías de romarías tradicionais galegas e retratos.

O cartel no exterior do museo

Trátase dunha retrospectiva que recolle a obra fotográfica do autor entre 1971 e 2016. Realizadas en analóxico, con equipos HASSELBLAD e positivadas en equipos Lambda. O autor recolle nesta selección de case 90 fotografías en branco e negro a devoción e a fe da xente que participa nas celebracións relixiosas populares do Nazareno (A Pobra do Caramiñal, A Coruña), os Milagres de Amil (Pontevedra), o Santo Cristo de Xende (A Lama, Pontevedra), a Virxe da Xunqueira (Cee, A Coruña), en Santa Marta de Ribarteme (As Neves, Pontevedra) e o Corpiño (Lalín, Pontevedra). Cada instantánea é unha homenaxe, próxima e dende o respecto, a esas xentes.

Algunha das imaxes presentadas formaron parte de varias exposicións nacionais e internacionais dende finais da década dos anos 70, pero na súa gran maioría son fotografías inéditas que serán expostas por primeira vez.

A exposición quere servir a modo de homenaxe a toda a súa traxectoria con fotografías que abranguen dende 1971 ata 2016. Ten carácter etnográfico, documental e un forte compoñente emotivo sobre aspectos cotiáns da relixiosidade, as crenzas relixiosas e populares galegas. Destaca en primeiro plano o alto valor fotográfico, dada a excelente calidade artística das fotografías.