Ir o contido principal

Fábulas de Almada Negreiros

A exposición “Fábulas de Almada Negreiros”, que reúne 49 tintas chinesas orixinais, realizadas en 1936 para ilustrar o libro Fábulas do escritor e xornalista Joaquim Manso, con dirección gráfica de Luís de Montalvor (codirector de Orpheu), é representativa da profunda simbiose coa escritura e o talento gráfico de Almada Negreiros. Tamén se mostra un reducido e delicado elenco de ilustracións deseñadas para O pórtico e a nave (1943), obra do mesmo autor e editor, con quen Almada se asocia para outras publicacións alternativas e excepcionais.

Almada Negreiros (1893-1970) é o referente imprescindible da cultura portuguesa do século XX –xunto con Fernando Pessoa e Amadeo de Souza-Cardoso–, desenvolvéndose ao longo da súa vida en múltiples áreas (foi poeta, debuxante, pintor, novelista, bailarín, coreógrafo, dramaturgo, ensaísta, escenógrafo, escultor, gravador, contista, tapiceiro, vitralista, conferenciante...) e cuestionándose constantemente as fronteiras entre as artes. Inspirado polas correntes artísticas innovadoras do seu tempo, entre as que atopamos nomes coma Marinetti, Diaghilev, Delaunay Apollinaire, Picasso Matisse, Jean Cocteau, Brancousi, Erté, Erick Satie e Stravinski, a súa experiencia cosmopolita en España (1927-1932) foi prolífica. Aquí coincidiu con intelectuais e artistas de diversos ámbitos como García Lorca, Ortega e Gasset, Buñuel ou Gómez de la Serna, quen o introduciu neste círculo como "o ser impar no medio da pintura e da literatura portuguesa, sobre as que salta de trapecio en trapecio".

Nesta exposición atopamos un conxunto de gran riqueza plástica que constitúe un eloxio á liña e ao virtuosismo artesanal do debuxo, manifestación que ocupa o lugar central na súa produción, desde a infancia ata a súa última obra.

"A rá e a flor", emblemática composición da portada de Fábulas, é o punto de partida para unha viaxe extraordinaria polo universo da arte de contar historias a través de imaxes, onde reencontrarnos con clásicos que atesouran a nosa infancia –"A cigarra e a formiga", "O burro con pel de león", "O reiseñor e a andoriña", "O elefante e o colibrí"– á par doutros personaxes fascinantes.

Visitantes de todas as idades teñen así a oportunidade de descubrir unha aproximación absolutamente orixinal a un xénero que forma parte do patrimonio cultural da humanidade.