Ir o contido principal

Emocións, lembranzas, interpretacións. Diferentes forma de achegármonos á fotografía Outono Fotográfico 2015

Salvador López Requejo s.d.

Este ano o Museo Etnolóxico participa no Outono Fotográfico 2015 cunha exposición de produción propia, con fondos fotográficos pertencentes o Arquivo Fotográfico do Museo, titulada: "Emocións, lembranzas, interpretacións. Diferentes formas de achegármonos á fotografía".

A fotografía reproduce imaxes de xentes, circunstancias e ambientes. A fotografía logra réplicas aparentes da realidade, conxela momentos, capta detalles, idealiza as persoas ou, polo contrario, sinala imperfeccións, produce mágoa ou trasmite ledicias cotiás. A fotografía emociona a uns e esperta o interese e a curiosidade de outros. Axúdanos a recordar instantes e favorece, contrariamente, o esquecemento de situacións e persoas. E case sempre motiva o comentario e a palabra. A palabra próxima ou o comentario e a análise distantes.

Como suxire Roland Barthes, a fotografía impresiona, provócanos un punzamento irracional e momentáneo, pero a podemos ollar tamén dende lonxe, facéndonos sentir alleos ao que nela observamos. Hai fotos que nos meten dentro delas, comprometendo sentimentos e estimulando a palabra, e fotos que observamos dende fóra, motivando só reflexións, interpretacións e comentarios.