Ir o contido principal

Camiñamos para parar. Miguelanxo Prado e Rita Sabler no Camiño de Inverno

Vista xeral da exposición

O Museo das Peregrinacións leva dende o ano 2018 colaborando co Encontro Internacional de Cadernos de Viaxe Compostela Ilustrada a través de exposicións e outras actividades que se celebraron no centro como clases maxistrais. Estas exposicións sempre teñen como eixe temático Santiago e as peregrinacións. Para esta nova edición renovouse esa colaboración acollendo a exposición “Camiñamos para parar. Miguelanxo Prado e Rita Sabler no Camiño de Inverno”, comisariada por Gemma Sesar.

"Camiñamos para parar" é un proxecto que busca enfrontarnos con esa eterna frase de “como me gustaría facer o Camiño”, namentres o traballo, as responsabilidades, outras viaxes e, sobre todo, pensar que temos que reservar moitos días van deixando atrás esa idea unha e outra vez. Nesta peregrinación dáselle a volta ao concepto; o sentido do camiño é interromper a vida diaria e poñer os días diante de todo o demais. Abandónanse as supostas prioridades e os seus protagonistas colgan unha mochila co necesario para os nove días que dedicaron a percorrer o Camiño de Inverno.