Antropoloxía visual dunha sociedade confinada

"Antropoloxía visual dunha sociedade confinada" é unha nova exposición no Museo Etnolóxico, en Ribadavia. Tal como indica o seu nome, o seu fío condutor non é outro que a recente crise sanitaria que supuxo un cambio nas vidas de todos nós. A pandemia da COVID-19 é dobre referencia para esta mostra, xa que ademais do seu contido, é a primeira que se abre ao público neste museo tras o período de confinamento, un intento como outros de recuperar a ansiada “normalidade” voltando aos espazos públicos.
O título da exposición é ilustrativo das súas intencións: "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada", que reflexiona sobre o impacto social ao través das fotografías de Agostiño Iglesias, Brais Lorenzo, Miguel Muñíz, Miguel Riopa, Mónica Vila Ferreirós, Óscar Corral, Óscar Pinal, Rosiña Rojo e Santi M. Amil e os vídeos realizados por Ainhoa Viñuela Don e Blanca Selas Chao.
O confinamento decretado polo estado de alarma debido a pandemia da COVID-19 foi unha das experiencias colectivas maiores polas que ten pasado a nosa sociedade. Un período de espazos públicos baleiros, estradas sen circulación, enterros sen acompañamento... Todo isto conlevou unha alteración de boa parte das nosas formas de sociabilidade. A través das imaxes tomadas por profesionais gráficos que mantiveron a súa actividade durante aquel período, ofrécese a posibilidade de reflexionar sobre o impacto social provocado pola COVID-19. Está concibida como unha mostra itinerante que se levará tamén ao Museo do Castro de Viladonga e ao Museo do Pobo Galego.
Permanecerá dous meses no Museo Etnolóxico, ata finais de outubro de 2020, e logo fará itinerancia polo Museo do Castro de Viladonga e no Museo do Pobo Galego. Aproximadamente, dous meses en cada unha das sedes.