Ir o contido principal

10 anos de Mupega

10 anos de Mupega

O 21 de outubro de 2004, o Mupega abría as súas portas ao público na compostelá rúa de San Lázaro, en plena ruta xacobea. 

Tras esta primeira década de existencia, o Museo Pedagóxico de Galicia ofrece na súa primeira planta unha escolma de 89 pezas que dan conta da evolución do centro, entre imaxes, documentación de arquivo e materiais educativos que testemuñan a súa evolución, que pon de manifesto a variedade e riqueza do patrimonio pedagóxico de Galicia.

Ademais desta exposición temporal, o Mupega, que protexe, estuda e difunde o legado histórico-educativo da nosa terra, ofrece na súa planta baixa e primeira distintos espazos museográficos como os que representan as distintas aulas históricas de primaria e secundaria, a inspección educativa, o maxisterio, o mundo infantil, as escolas chegadas de alén mar e a galería de educadores galegos. Así mesmo, na segunda planta a protagonista é a Rede Mupega, na que se ofrece unha coidada selección de fondos procedentes dos institutos históricos dá nosa comunidade, aqueles creados nos anos centrais do século XIX: o IES Salvador de Madariaga (A Coruña), o Arcebispo Xelmírez (Santiago de Compostela), o Lucus Augusti (Lugo), o Otero Pedrayo (Ourense) e o Sánchez Cantón (Pontevedra).