Ir o contido principal

Casa Museo da Fundación Camilo José Cela

Casa Museo da Fundación Camilo José Cela

O museo

Camilo José Cela Trulock naceu en Iria Flavia o 11 de maio de 1916. Fillo de pai galego e nai con ascendencia inglesa e italiana, pasou a súa infancia en Galicia, para logo trasladarse coa súa familia a Madrid en 1925. Tras varias incursións na poesía, a súa carreira literaria comeza a ser unha realidade coa publicación no ano 1942 da súa primeira novela La familia de Pascual Duarte, novela de certa crueza. A súa traxectoria literaria tivo como resultado final o cultivo de todos os xéneros literarios cun total de 120 obras, entre as que destacan La colmena, Mazurca para dos muertos, Viaje a la Alcarria, Del Miño al Bidasoa ou La rosa, entre outros. Deste xeito, fóronlle concedidos os máis importantes premios literarios, o Premio Nacional de Narrativa (1984) o Premio Príncipe de Asturias das Letras (1987), o Premio Nobel de Literatura (1989) e o Premio Cervantes (1995). Finou en Madrid o 17 de xaneiro de 2002.

A fundación. A Fundación Pública Galega Camilo José Cela ten a súa sé en Iria Flavia, fronte á colexiata de Santa María de Adina, nas chamadas Casas dos Cóengos por teren sido residencia destes no século XVIII. No ano 1990, o mesmo Camilo Xosé Cela fixo doazón á fundación que leva o seu nome do seu legado literario e artístico coa intención de que se conservase íntegro e tivese a maior difusión.

Colección. O eixo fundamental deste conxunto, caracterizado pola súa heteroxeneidade, é a súa colección de manuscritos propios. A isto, súmase un amplo e rico espistolario, unha biblioteca composta por edicións da súas obras, estudos sobre a mesma, a súa biblioteca persoal, unha hemeroteca con referencias ao autor desde 1942 (e a colección completa e o arquivo da súa revista literaria Papeles de Son Armadans), unha pinacoteca con obras de pintores coma Picasso ou Miró, e outras coleccións que afondan nos vencellos do escritor coa súa realidade persoal e cultural. 

https://fundacioncela.gal/gl

Santa María, 22. Iria Flavia
15917 , Padrón

Tlf. 981812425
Fax 981810453

visitas@fundacioncela.com

Horario

Inverno
De luns a venres, de 10.00 a 14.00 h.
Sábados, domingos e festivos: pechado.
Verán
De martes a sábados, de 10.00 a 14.00 h. e de 16.30 a 20.00 h.
Domingos e festivos: pechado.


Tarifas

Xeral: 3 € / Reducida: 1,50 €