Ir o contido principal

Do 4 de maio ao 28 de maio do 2021 - 10:00h Visitas en liña á exposición ‘VESTIR ÉPOCAS 1860-1960’ Adaptación das visitas escolares de xeito virtual

Dentro da necesidade de adaptación aos novos usos obrigados polas cautelas sanitarias, o Museo de Belas Artes da Coruña ofrece visitas en liña dirixidas ao alumnado de 4º ESO e Bacharelato para achegarlles a historia da moda a través da exposición “Vestir épocas 1860-1960”. A oitava arte entra no Museo para mostrar as modas e os modos de vestir da sociedade a través da colección Ana González-Moro.
Co apoio de contido audiovisual, aproximaranse aos diversos acontecementos históricos que promoveron cambios significativos na indumentaria, tanto feminina como masculina, permitindo coñecer as singularidades da moda e a súa evolución no mundo occidental.
Aproveitando a ampla presenza nas redes sociais de todo tipo de influencers relacionados co eido da moda, algunhas producións audiovisuais que se emitiron nos últimos anos e gravacións da propia cidade da Coruña, afondarase e reflexionarase sobre a vestimenta como elemento de identidade, como reflexo das diversas clases sociais, pero tamén como mostra dos roles de xénero nas distintas épocas que abrangue a exposición.
Para concluír, falarase do sistema de produción da moda para coñecer as singularidades desta industria e os retos medioambientais aos que se ten que enfrontar hoxe en día.

DIRIXIDO A:

Cursos: 4º ESO e Bacharelato
Datas: Do 4 de ao 28 de maio, de martes a venres.
Quendas: 10:00H ou 12:30H
Duración: 45 minutos
Actividade gratuíta con reserva previa.
REQUISITOS TÉCNICOS:
É necesario que a aula estea equipada para participar nunha reunión en liña, sendo necesario un ordenador con cámara e micro, altofalantes e pantalla. Unha vez aceptada a solicitude recibirán as indicacións precisas para acceder á sesión en liña a través da plataforma de videoconferencias Webex.
INSCRICIÓNS:
Enviar a mu.belas.artes.difusion@xunta.gal o formulario que proporciona aquí o Museo, no que se indicará: nome do centro educativo, curso e número de participantes, número de teléfono, enderezo electrónico de contacto e nome da persoa responsable do grupo para esta actividade e, día e hora na que desexan realizar a visita (de martes a venres, ás 10:00H ou 12:30H, se ben poderíase adaptar ás necesidades do centro entre as 09:00 e ás 14:00 h.).