Ir o contido principal

Do 15 de marzo ao 26 de abril do 2021 - 10:00h VIII Concurso de Fotografía Museo Liste de Vigo 2021

O Museo Liste de Vigo presenta a VIII convocatoria do Concurso de Fotografía co gallo da próxima celebración do Día Internacional dos Museos.

O concurso pretende fomentar o coñecemento e a creatividade a través da práctica da fotografía co fin de destacar variados aspectos históricos, artísticos, etnográficos e antropolóxicos.

Este ano o lema común serán os Pecados capitais”.

O Museo convida a atrapar coas cámaras a gula, a ira, a envexa, a luxuria, a pereza, a soberbia, a avaricia, conceptos que a igrexa católica clasificou como capitais, fonte ou principio doutros pecados.

A temática pretende reunir arte e antropoloxía, sendo así que a recollida gráfica por parte dos participantes será tamén unha forma de colaborar na ampliación do arquivo fotográfico do museo. As fotografías a concurso serán valoradas atendendo, principalmente, a tres criterios:

- Estético: valorarase a beleza da fotografía e a sensibilidade á hora de recoller certos aspectos que singularicen e dignifiquen o elemento fotografado.

- Técnico: valoraranse aspectos asociados á técnica desta arte.

- Documental: valorarase que as fotografías presentadas acaden o valor de documento gráfico como forma de recoller e difundir coñecemento.

Poden participar maiores de 18 anos cun número máximo de tres fotografías por persoa, se ben nunca recaerán dous premios no mesmo participante. O prazo remata o 26 de abril.

Para saber máis sobre as bases da convocatoria, a presentación, o envío ou os premios, pódese entrar nesta ligazón do museo, a través do teléfono 986244698 ou a través do enderezo didactica@museoliste.org.