Do 1 de maio ao 31 de maio do 2022 - 10:00h Peza do mes: Fíbula de Casaio (Carballeda de Valdeorras) Interesante reflexión sobre o problema do espolio a través da publicación virtual mensual de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos (neste caso, arqueolóxicos) para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.
Neste caso ademais, pola historia da peza, faise unha interesante e sempre necesaria reflexión fronte ao inmenso problema que supón a espoliación.
A presente peza é unha fíbula nunha pequena placa de bronce, cunhas dimensións de 2,6 x 2,4 cm. Aínda conserva o enganche posterior e parte da decoración xeométrica con restos de esmaltado.
Probablemente peza importada e de certa relevancia social e económica pouco comúns no noroeste peninsular e de cronoloxía de época romana.
A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características estilísticas, a ubicación cronolóxica e física e a descrición máis polo miúdo, nun estudio, neste caso, a cargo de Carlos Tejerizo-García, Mario Fernández Pereiro e Diego Torres Iglesias. É interesante tamén ter en conta o que os autores expoñen sobre o valor da recuperación do patrimonio espoliado e a colaboración da comunidade.