Ir o contido principal

Do 1 de outubro ao 31 de outubro do 2021 - 10:00h Peza do mes: Cunca de costelas. Conxunto arqueolóxico-natural de Santomé Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos –neste caso, dos arqueolóxicos- para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

Do Conxunto arqueolóxico natural de Santomé proceden as dúas pezas do mes de outubro. As cuncas de costelas son recipientes xeralmente pouco profundos e de boca ampla, e, entre outras características, con decoración de costelas moi pronunciadas que imitarían modelos metálicos. Desde o punto de vista cronolóxico, aparecen en época de Augusto e continúan en uso ata comezos do século II d. C.

As dúas pezas de Santomé unha, de cor verde auga, e outra de tonalidade verde azulada, corresponden a series diferentes, e o proceso formativo das costelas destes tipos de cuncas aínda está sometido a debate, pero afóndase no destas pezas ao través da análise das pegadas das ferramentas e as superficies.

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode ver máis polo miúdo a análise da elaboración destas dúas cuncas, a cargo, neste caso, de Manuel Xusto Rodríguez.