Ir o contido principal

Do 1 de abril ao 30 de abril do 2022 - 10:00h Peza do mes: Conxunto de incensarios góticos Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

 

O mes de abril está protagonizado por un grupo de incensarios góticos de bronce, datados nos séculos XV- XVI.

O incenso, introducido no cerimonial litúrxico cristián, tiña unha profunda carga de simbolismo e purificación, e fíxose preciso contar con mobiliario litúrxico destinado a queimalo. Entre a tipoloxía máis abundante están os de configuración arquitectónica, asociada sobre todo ao mundo gótico. De feito, moitos dos incensarios que perduraron responden a cronoloxías bastante tardías, estando na maior parte deles datados entre os séculos XV e XVI, como no caso dos modelos obxecto de estudo.

Estas pezas adoitan xerar problemas de datación, pois non acostuman levar punzóns cando non están labrados en material nobre, como é o caso, que non presentan marcas.

Os turíbulos protagonistas deste mes ingresaron na colección do museo de forma descoñecida, a excepción dun deles que se debe a unha doazón no ano 1961. Correspóndense aos números de inventario CE000538; CE000544; CE000549; CE000562; CE003846.). Son todos de bronce e con alturas dispares: 22, 9, 20, 28,5 e 20 cms. respectivamente.

A publicación virtual sobre estas pezas está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre as súas características estilísticas e descrición máis polo miúdo, nun estudio a cargo, neste caso, de por Ángel Domínguez López.

Seguindo as indicacións das autoridades sanitarias, e aínda que a sala de exposicións Escolma de Escultura está aberta ao público, non se fai a presentación da Peza do Mes de xeito presencial.