Ir o contido principal

Do 3 de xaneiro ao 31 de xaneiro do 2023 - 10:00h Peza do mes: Arquivos do Seminario de Estudos Galegos Presentación e publicación virtual mensual para afondar no coñecemento de pezas pertencentes ao fondo do Museo

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc., e reforzar así o seu valor.

A presentación terá lugar o mércores 11 de xaneiro ás 20.00 h na sala da exposición “Escolma de Escultura” en San Francisco (Ourense). A explicación correrá a cargo de Afonso Vázquez-Monxardín Fernández.

O Museo conserva os seis volumes dos Arquivos do Seminario de Estudos Galegos (ASEG) proveniente dos fondos da Comisión de Monumentos.

O pulo creador do Seminario parte, no outono de 1923, da ilusión de nove estudantes da Universidade compostelá próximos ás Irmandades da Fala, –os de máis proxección Filgueira Valverde, Fermín Bouza Brey, Ramón Martínez López e Luís Tobío– e o profesor Armando Cotarelo Valledor. O nome de «seminario» fai referencia a un lugar de «sementeira», de aprendizaxe activa e traballo conxunto de profesores e alumnos, fronte á palabra «cátedra» que evoca un ensino unidireccional.

En 1926, en paralelo á colaboración con Nós e á edición de monografías, iniciaron a publicación dos Arquivos. Os seis volumes conteñen á par de artigos académicos sobre xeografía, prehistoria, arqueoloxía, etnografía, folclore, música ou literatura popular, información sobre socios, patrocinadores, directivas, actividades, etc.

A derradeira publicación do Seminario, significativo, foi Parroquia de Velle de Cuevillas, Fernández Hermida e Xoaquín Lorenzo, e saíu da Imprenta de La Región no verán de 1936.

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible neste enlace do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode ver máis información nun estudio, neste caso, a cargo de Afonso Vázquez-Monxardín Fernández.