Skip to main content

A Xunta adquire dúas obras de Urbano Lugrís para a futura sala do artista no Museo Massó

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou hoxe as novas adquisicións do Museo Massó de Bueu: dúas obras do artista Urbano Lugrís. A Xunta de Galicia vén de adquirir os debuxos A arca de Noé e Veleiro, “dúas pezas en moi bo estado de conservación que se sumarán a outras pezas de Lugrís xa existente no museo”, salientou Anxo M. Lorenzo.

Ambas obras encaixan na colección do Museo Massó polo lugar que ocupa este autor nos seus contidos e pola súa estreita vinculación coa familia Massó, así como polo propio valor intrínseco das pezas dun dos autores máis senlleiros de Galicia, nas que reflicte a súa particular iconografía do mundo da navegación, “o que lle outorga diferentes lecturas dentro do discurso do museo”, puntualizou o director xeral acompañado pola directora do museo, Covadonga López.

A arca de Noé e Veleiro “poden relacionarse coa serie de maquetas que representan a historia da navegación e que ilustran o Políptico da Navegación”, afirmou durante a rolda de prensa Anxo M. Lorenzo. Esta obra foi realizada por Lugrís no ano 1944 por encargo de José Mª Massó. Trátase dunha pintura executada sobre 36 pezas de cerámica, a modo de azulexos, encaixadas nunha estrutura e marco de madeira cun tríptico no centro. Nel faise un percorrido pola historia da construción naval.

Unha ampla colección de Lugrís

No Museo Massó consérvanse os seis lenzos do comedor das empregadas, a serie completa de bosquexos que realizou Lugrís para o proxecto da capela dos Santos Reis, anuarios de Vigo e libros como Los paisajes iluminados, con portadas e ilustracións da súa autoría.

O centro museístico tamén alberga nas súas salas unha carta de Lugrís dirixida a Antonio Massó e unha fotografía tomada en Vigo, diante do edificio da empresa e en compañía con Fernado Massó. Todas estas obras e documentos pertenceron ou teñen a súa orixe a partir da iniciativa da familia Massó.

Con estes dous novos bosquexos, ademais da adquisición no 2018 dun debuxo para a publicidade de Pescanova e varias doazóns realizadas pola familia Massó, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades quere “completar o relato da futura sala da exposición permanente dedicada a Urbano Lugrís”, concluíu o director xeral de Cultura. Esta sala será unha realidade cando conclúan, o próximo verán, os traballos de ampliación do museo que a Xunta está a acometer cun investimento de 1,1 M€.