Skip to main content

O Museo Massó recibiu as empresas interesadas na licitación da súa rehabilitación

Representantes dos estudios de arquitectura durante a visita ao museo

O pasado luns realizouse a visita informativa para os representantes dunha vintena de empresas e estudios de arquitectura, que mostraron o seu interese en optar ao contrato para a redacción do proxecto para rehabilitar parte do histórico museo. A obra, cuxo orzamento superará o millón de euros, centrarase en tres espazos: a nave na que se gardan as embarcacións tradicionais, a antiga Salgadura Piñeiro e a futura Sala Urbano Lugrís.

Os representantes das empresas acudiron á visita informativa, guiada pola directora do Museo Massó, Covadonga López de Prado, para coñecer de primeira man os espazos obxecto deste proxecto.

En primeiro lugar houbo unha introdución sobre a historia dos edificios do complexo de Massó, e expuxéronse as directrices marcadas no Programa de Necesidades Arquitectónicas elaborado polo Museo e que se fundamenta en criterios de recuperación e restauración dos espazos históricos. A continuación realizouse un percorrido polas instalacións.

Por unha banda, no tramo sur, coa antiga nave conserveira que actualmente alberga as embarcacións tradicionais. Doutra banda, a Salgadura Piñeiro, que data do século XIX e que foi recuperada no ano 2013, onde se recuperaron 18 pilos de salgadura. Por último, a que pasará a ser oficialmente a Sala Lugrís: un espazo de case 200 metros cadrados que albergará a valiosa obra pictórica de Urbano Lugrís que se conserva no Museo Massó.

A ampliación que proxecta a Consellería de Cultura será a primeira grande intervención no Museo Massó desde a súa apertura ao público, da que se cumpren agora 20 anos. O investimento superará o millón de euros, que se financiará con cargo a fondos Next Generation da Unión Europea, e ao contrato para a redacción do proxecto básico e de execución destínanse 115.000 euros.

A empresa ou estudio de arquitectura ao que se lle adxudique terá un prazo de 3,5 meses, a contar desde a firma contractual, para entregar a súa proposta definitiva. A continuación procederase a licitar os propios traballos de construción, que comezarán a finais deste ano e concluirán en 2023.