Skip to main content

O Museo Massó abre o seu XX aniversario cunha exposición sobre cartografía marítima histórica

Participantes na inauguración

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, inaugurou a exposición "Camiño de papel e de estrelas" coa que o Museo Massó abre as actividades do seu XX aniversario. Nela comparte co público varias pezas dos seus fondos sobre cartografía marítima histórica.

O titular de Cultura da Xunta referiuse á positiva evolución do museo nos últimos 20 anos ata converterse “nun referente cultural da comarca coa imprescindible colaboración da familia Massó”. “Sen dúbida a conserveira Massó xogou un papel definitivo no desenvolvemento económico e social que experimentou O Morrazo no século pasado e este museo soubo recoller o testemuño daquel tempo”, engadiu.

Salientou o importante papel divulgador que adquiriu o museo nestes anos, así como o valor dos seus fondos, moitos deles expostos nesta nova mostra. “O reto é seguir reforzando e ampliando o seu papel referencial neste XX aniversario e de cara ao futuro”, engadiu. Neste sentido, referiuse a unha das accións máis inmediatas, o proxecto de ampliación do centro por un máis de 1,1M€ que, como indicou, se atopa en fase de licitación de redacción do proxecto con vistas a que a iniciativa sexa unha realidade en 2023.

Posta en valor

Suporá incorporar todas as naves do antigo complexo conserveiro Massó Hermanos no funcionamento do museo, “un novo punto de inflexión na súa historia ao dotalo dunha maior funcionalidade e ampliar espazos”. Esta actuación súmase á mellora e acondicionamento das cubertas do museo realizadas en 2021 ou á creación dunha nova sala de interpretación no Concello de Bueu para a posta en valor do pasado romano da vila a través dun acordo co Goberno local e que está previsto que remate o vindeiro ano. 

Actividades do aniversario

A mostra, comisariada pola directora do museo, Covadonga López de Prado, realiza un percorrido cartográfico pola ruta marítima da lenda da traslatio do corpo do apóstolo Santiago. Navégase sobre os mapas e, con axuda dos libros, trázase un camiño de papel e atrácase nalgúns dos portos que xurdiron ao longo do roteiro. Estará exposta ata finais de ano e inclúe tamén documentos e cartas de navegación por outros territorios como o Mediterráneo, a Península Arábiga e o Golfo Pérsico.

A programación do aniversario inclúe outras actividades como un ciclo de conferencias, unha presentación multimedia ou unha visita-conferencia sobre a vinculación de Lugrís a este centro.