Skip to main content

O Museo Etnolóxico de Ribadavia súmase á programación do ano santo cunha nova exposición sobre a pegada xacobea en Francia

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou o venres 2 de xullo a exposición "Les gens du chemin. Peregrinación a Saintes Maries de la Mer", coa que o Museo Etnolóxico de Ribadavia se suma á programación do Xacobeo 21-22 cunha proposta artística que repasa a pegada da tradición xacobea en Francia.

Como expresou o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade, trátase dunha mostra producida polo Museo das Peregrinacións e de Santiago -onde tamén foi exposta- e que viaxa agora a Ourense para divulgar a importancia das peregrinacións nas distintas partes do mundo e o fai, engadiu, “nun momento de especial importancia como este ano santo, no que é fundamental reforzar a posta en valor do carácter cultural e espiritual do Camiño de Santiago”.

Neste sentido, Anxo M. Lorenzo destacou o papel do Museo de Ribadavia por acoller exposicións como estas sobre o carácter etnográfico de tradicións seculares vinculadas ás peregrinacións. Animou, ademais, a continuar traballando para ofrecer unha programación cultural “atractiva, completa e segura, que se reparta polos distintos concellos galegos coa intención de achegala de xeito descentralizado por toda a nosa xeografía”.

A exposición consta dunha selección de imaxes da fotógrafa Olga Seoane Paulus. Fai un percorrido pola tradición da peregrinación á cidade de Saintes Maries de la Mer coa que miles de peregrinos/as honran cada ano a santa María Salomé e María Xacobé e establece vínculos coa peregrinación a Santiago de Compostela, así como con varios dos seus rituais propios e compartidos. Poderá visitarse no museo ata o 30 de agosto.