Skip to main content

O Museo Etnolóxico de Ribadavia conecta co Museo Nacional de Artes Decorativas Populares de Kiev

Cartel

Co gallo do Día dos Museos, o 18 de maio de 2022 o ICOM escolleu o lema O poder dos museos para festexalo. Querendo unirse á celebración, e entendendo que un dos poderes dos museos é o de conectar persoas e culturas, o Museo Etnolóxico de Ribadavia decidiu contactar co Museo Nacional de Artes Decorativas Populares de Kiev (Ucrania).

Dende o primeiro correo, no que se invitaba ao equipo ucraíno a quedar co Museo Etnolóxico de Ribadavia no espazo común que xera Internet, comezou a desenvolverse unha relación na que aprender doutra cultura e reflexionar sobre a propia.

Son catro os encontros virtuais onde, entre colegas de profesión, se falou sobre cerámica, produción téxtil e o traxe tradicional de ambos países.

Nas dúas primeiras conexións coñeceron a tradición dos ovos de Pascua ucraínos, así como as cores e elementos ornamentais máis populares da súa cerámica, mentres que as producións de Sargadelos e Niñodaguia foron as elixidas para falar sobre a tradición galega.

Na terceira quedada, a conversa xirou en torno á produción téxtil de ambos países, concretamente sobre a obtención de materias e a creación de pezas de abrigo doméstico como colchas ou mantas. Así, aprenderon sobre a relación das mantas ucraínas cos rituais funerarios e compartiron a relación que as mulleres tiñan en Galicia cos teares.

A última conexión, o 16 de novembro, tivo os traxes tradicionais como protagonistas. A monteira, o dengue e a diversidade propia do traxe tradicional galego chegaron a Kiev e os funcionais padróns, cores e pompóns que conforman o traxe tradicional ucraíno foron recibidos con interese no Museo Etnolóxico de Ribadavia.

Mediante o uso do inglés e as traducións simultáneas ao galego e o ucraíno, os dous corpos dos museos foron forxando unha satisfactoria relación que grazas ás redes sociais de ambos museos se comparte co público.

Trátase dunha gratificante experiencia case mensual que leva ao Museo Etnolóxico de Ribadavia a contemplar a apertura de novas conversas con outros museos ao redor do mundo que poidan compartir temáticas similares.