Skip to main content

O Arqueolóxico de Ourense leva á sala de Afundación unha nova exposición con preto dun cento de pezas representativas da cultura castrexa

Cartel

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, inaugurou o pasado venres na Sala de exposicións Afundación a nova mostra "Plástica castrexa" coa que o Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense recompila preto dun cento de pezas representativas da cultura castrexa para divulgar a súa pegada en Galicia.

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades agradeceu ao director do museo, Xulio Rodríguez, así como ao resto do persoal que comisaría a exposición, o seu “inxente traballo” por recompilar estas pezas “que contribúen a difundir esta época histórica a través dos vestixios que se conservan en Galicia de variada funcionalidade e interpretación”.

Son un total de 75 esculturas de pedra entre as que destacan os guerreiros, os sedentes, as cabezas cortadas e elementos arquitectónicos. Permiten realizar un percorrido pola cultura castrexa como manifestación autóctona do noroeste peninsular e constatar que a escultura en pedra é unha das representacións artísticas máis xenuínas e suxestivas da cultura castrexa na devandita zona.

A mostra pode visitarse na Sala de exposicións de Afundación en horario de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas, e os sábados, domingos e festivos de 12.00 a 14.00 e de 17.30 a 20.30 horas. Clausurarase o vindeiro 26 de febreiro.