Skip to main content

A seda: o tesouro que chegou da China a Galicia Tesouros téxtiles da vestimenta galega.

A exposición "A seda: o tesouro que chegou da China a Galicia", producida e feita pola Asociación Etnográfica Sete Espadelas con bens da súa colección, permite unha achega atractiva ás pezas de vestimenta tradicional de Galicia, completando a anterior exposición que levaba o nome de "Galicia, a terra dos mil panos. Roupa de levar á vila".

Agora preséntanse aqueles elementos que conformaban o traxe de garda ou cerimonia, reservados para as ocasións máis especiais. A seda, procedente da China, foi unha das materias primas predilectas dos galegos e galegas do século XIX e principios do XX para decorar a súa vestimenta, e é a protagonista desta exposición. Así, podemos admirar a beleza, a dedicación, o traballo e as diferentes técnicas e usos detrás de ata 7 mantóns de manila, 11 panos de namorar, 7 panos adamascados, abanos chineses, 4 panos muradáns ou de mantóns de manila decorados con caras de marfís.

Ademais diso, esta exposición amosa a historia detrás destas pezas; fala de rutas comerciais, da evolución e usos de formas locais, de tradicións ou mesmo da aparición dunha produción propia galega. Trátase dunha invitación luxosa a descubrir entre os fíos da seda as xestualidades no vestir, e defender como este tipo de bens permiten coñecer mellor a historia e as mentalidades do noso pasado.

A entrada é libre ata completar a capacidade, observando as medidas de prevención establecidas na lexislación vixente ante a crise sanitaria ocasionada pola COVID-19.