Skip to main content

2 de Xullo - 30 de Agosto de 2021 Les gens du chemin. Peregrinación a Saintes Maries

A exposición “Les gens du chemin. Peregrinación a Saintes Maries”, producida polo Museo das Peregrinacións e de Santiago con fotografías de Olga Seoane Paulus, chega ao Museo Etnolóxico.

Esta mostra recolle a tradición vinculada á localidade de Saintes Maries de la Mer, situada no delta do Ródano, onde cada ano acoden milleiros/as de peregrinos/as a render culto a santa María Salomé, santa María Xacobé e santa Sara.

Os rituais que teñen lugar, así como o fervor dos/as asistentes, en boa medida xitanos/as de toda Europa e mesmo doutros continentes, supoñen unha riqueza cultural da tradición viva que incitou á autora a reunir durante cinco anos os materiais que conforman a exposición: auténticos documentos gráficos cheos de vida, colorido e devoción.

Segundo a tradición, algúns dos personaxes máis achegados a Cristo, fuxindo das persecucións de cristiáns/ás fomentadas por Herodes Agripa en Terra Santa, toman un barco sen remos que o destino fai chegar ás costas meridionais da Galia. As diferentes versións apuntan a distintos/as pasaxeiros/as, pero todas coinciden en que viaxaban María Salomé, a nai de Santiago o Maior (Zebedeo) e de Xoán; María Xacobé, nai de Santiago o Menor (Alfeo); e Sara, escrava ao servizo das anteriores. A morte das dúas Marías producirase nun breve intervalo de tempo e no lugar onde foron enterradas, San Trófimo, bispo de Arlés, levantaría cara ao século XII as peregrinacións xa bastante difundidas no século XIV.

De orixe palestina, africana ou da propia rexión da Camarga, santa Sara é un dos personaxes máis enigmáticos e que deu orixe ás máis diversas lendas. A peregrinación xitana para honrar súa patroa convértese cada ano nun festival único, espiritual, vibrante e colorido, que reflicte a concepción da vida desta etnia e a súa condición orixinaria de pobo errante: les gens du chemin.

A peregrinación a este santuario da Provenza non está á marxe da peregrinación a Santiago de Compostela, xa que da veciña cidade de Arlés fan partir algúns autores a Vía Tolosana, que á súa vez conectaría coa Vía Francíxena que conduce a Roma. Sen dúbida, boa parte dos/as peregrinos/as xacobeos/as e romeiros/as simultarían as súas peregrinacións a Santiago de Compostela e a Roma con peregrinacións ao santuario de Nôtre Dame de la Mer en Saintes Maries de la Mer.

Como mostra desta peregrinación, o Museo Etnolóxico expón unha selección de 14 imaxes do proxecto, amosando a necesaria adaptación dunha tradición para á súa continuidade no tempo.