Colección Abrente. Arte galega no desafío cultural dos 70

Por primeira vez móstrase ao público a colección de arte desta agrupación cultural de Ribadavia.
Abrente foi una asociación cultural que desenvolveu en Ribadavia unha intensa actividade cultural entre os anos 1969 e 1983. Esta asociación dispoñía dunha razoable colección de arte procedente da doazón de obra que lle facían os artistas para contribuír co importe da súa venda ao financiamento das actividades da asociación, ou simplemente para decorar a súa sede social. A colección contén 58 obras de 29 autores. Dado o seu volume, a exposición da colección terá lugar en tres fases: a que se inaugurou agora, unha segunda en febreiro, coincidindo coa presentación do catálogo da colección, e unha terceira fase que terá lugar entre xuño e setembro de 2020.
No momento da súa disolución tomaron o acordo de depositar tanto o seu arquivo como a obra plástica no entón Museo de Artes e Costumes Populares de Ribadavia, hoxe Museo Etnolóxico. Isto tivo lugar no ano 1986 e dende entón esta colección non foi exposta. Dado que se cumpre o 50 aniversario da fundación de Abrente, decidiuse expoñer estes bens como homenaxe a esta asociación e para o gozo da cidadanía en xeral.