Ir o contido principal

Museo Provincial de Lugo

Museo Provincial de Lugo

O museo

Creado pola Deputación de Lugo no ano 1932 coa intención de reunir e protexer distintos bens do patrimonio da provincia dispersos en coleccións particulares e institucións públicas, o museo ocupou inicialmente unha das salas do Palacio Provincial de San Marcos. No ano 1957 trasládase á sede actual, integrada polas dependencias do antigo convento de San Francisco e un edificio de nova planta deseñado polo arquitecto Manuel Gómez Román. Dende esa data o museo foi sometido a diversas ampliacións.

Na primeira planta pode verse a colección de mosaicos do século III aparecidos nun solar da rúa Armañá de Lugo; as coleccións de arte sacra, nas que destaca unha imaxe do Salvador en pedra procedente de San Pedro de Fiz de Muxa (Lugo), unha ampla mostra de imaxinería gótica manierista e barroca, as cruces procesionais en prata e diversos obxectos de uso relixioso; e no claustro, pezas de epigrafía, heráldica e outras coleccións en pedra. Na cociña conventual desta planta expóñense os fondos etnográficos, a carón do refectorio do convento.

Na parte alta do claustro atópase a sala de Prehistoria e Arqueoloxía na que se fai unha mostra cronolóxica dende o Paleolítico ata o final da Romanización; tamén as coleccións de cerámica, vidro, numismática e medallística.

Na segunda planta merece especial atención a colección de arte galego centrada en pintura e escultura dos séculos XIX e XX con salas monográficas adicadas a Antonio Fernández, Julia Minguillón e Corredoira, así como a colección de cerámica de Sargadelos á cal se dedica unha sala na que se amosan pezas de tódalas épocas da produción da Real Fábrica.

Como consecuencia da reestruturación do ano 2010 realizada na primeira planta do novo edificio de ampliación inaugurado en 1997, situouse alí a sección de debuxo e gravado galego coas salas monográficas de Castelao, Prieto Nespereira e Castro Gil, manténdonse exposta a colección de lucernas.

http://www.museolugo.org

Praza da Soidade, s/n
27003 , Lugo

Tlf. 982242112
Fax 982240240

info@museolugo.org

Horario

Luns a venres de 9 a 21 h.
Sábados de 10:30 a 14 h. e de 16:30 a 20 h.
Domingos e festivos de 11 a 14 h.
Pechado 1 e 6 de xaneiro, martes de entroido, 22 de maio e 24, 25 e 31 de decembro


Tarifas

Entrada gratuíta