Ir o contido principal

A Xunta pon en marcha este verán o Plan Corresponsables en bibliotecas, arquivos e museos

Presentación do plan

A Xunta de Galicia pon en marcha este verán o Plan Corresponsables para ofrecer alternativas de conciliación nas bibliotecas, arquivos e museos de xestión autonómica. Trátase dunha iniciativa impulsada ao abeiro dun convenio de colaboración entre as consellerías de Cultura, Educación, FP e Universidades e de Promoción do Emprego e Igualdade dotado con case 270.000 €.

A iniciativa foi presentada na Biblioteca Pública Ánxel Casal polos titulares de ambos departamentos e permitirá desenvolver unha batería de actividades de conciliación dirixidas a mozos de ata 16 anos nunha ducia de espazos culturais da Xunta de Galicia entre os que se atopan seis bibliotecas, tres arquivos e tres museos.

Durante o acto de presentación, o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, eloxiou o “impagable labor” que realizan as bibliotecas, museos e arquivos á hora de espallar e promover o acceso á cultura desde as idades más temperás. “Estes espazos exercen como unha primeira toma de contacto coas diferentes manifestacións culturais por parte da nosa rapazada e hoxe ampliamos este labor social co Plan Corresponsables”, explicou.

Por outra banda, o responsable autonómico de Cultura precisou que se trata dun novo servizo polo que, por primeira vez nestes espazos, vaise ofrecer un servizo de conciliación “programado e estable para que os pais e nais poidan deixar aos seus fillos nunha contorna segura e ao coidado de profesionais cualificados para realizar actividades laborais, formativas ou persoais durante un período no que este servizo se fai especialmente necesario”.

A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, pola súa banda, amosou o seu convencemento de que a busca da igualdade efectiva debe pasar “necesariamente” por accións de sensibilización e educación. Neste marco defendeu as actuacións do Plan Corresponsables que Galicia está a desenvolver a prol da conciliación, como “un paso máis na implantación dunha visión integral das políticas públicas en materia de igualdade e de conciliación que desenvolve a Xunta, que opta por transversalizar numerosas actuacións para que cheguen de maneira efectiva á cidadanía”.

A Xunta de Galicia, lembrou Lorenzana, destina este ano 16 millóns de euros a promover a conciliación. Entre outras actuacións, mencionou que están en marcha programas para apoiar a 12.000 familias galegas con menores de 16 anos ao seu cargo mediante bolsas de coidado profesional en colaboración con concellos, anpas e entidades de iniciativa social ás que se están a destinar 6,7 millóns de euros.

A conselleira destacou ademais as “actividades sociodeportivas realizadas en colaboración coa Secretaría Xeral para o Deporte xunto con 18 federacións deportivas galegas que ofrecen unha ampla gama de deportes federados na nosa Comunidade, para beneficiar a máis de 8.000 nenas e nenos galegos con outros 3,5 millóns de euros de orzamento”. E subliñou tamén que, en colaboración coa Consellería de Política Social e Xuventude, estanse a desenvolver programas de lecer en albergues e espazos xuvenís que chegarán a outras 7.000 familias con 3 millóns de euros destinados a este fin. 

Preto de 40 actividades con máis de 1.300 prazas

En total, ao abeiro deste programa realizaranse preto de 40 actividades con máis de 1.300 rapaces a través de dous ámbitos de actuación. O primeiro deles, no período estival, inclúe desde campamentos ata obradoiros ou actividades adaptadas a distintos grupos de idade e relacionadas co ámbito cultural. No segundo, poranse en marcha ata decembro actividades de animación á lectura, reforzo educativo, mellora de técnicas de estudo ou iniciativas asociadas ao ámbito cultural. En ambos casos as prazas asignaranse por orde de inscrición.

Todos os servizos serán prestados por persoal cualificado. En concreto, impartiranse nas bibliotecas públicas Miguel González Garcés da Coruña, de Lugo, Nós de Ourense, Antonio Odriozola de Pontevedra, Juan Compañel de Vigo e Ánxel Casal de Santiago de Compostela; os arquivos do Reino de Galicia na Coruña, Histórico Provincial de Ourense e Histórico Provincial de Pontevedra, e os museos do Castro de Viladonga, de Belas Artes da Coruña e Etnolóxico de Ribadavia.