Ir o contido principal

A Xunta incorpora a histórica locomotora Sarita á musealización da Fundación Camilo José Cela

Foto de familia coa locomotora

A Xunta de Galicia vén de incorporar á musealización exterior da Fundación Camilo José Cela a histórica locomotora Sarita despois dun minucioso proceso de rehabilitación realizado nos últimos meses que xa fai posible a súa visita pública.

Coincidindo co 150 aniversario da súa viaxe de Cornes (Santiago de Compostela) a Carril (Vilagarcía de Arousa), o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou o día 15 deste mes no acto de inauguración, onde se referiu á importancia de poder recuperar e poñer a disposición do público esta peza histórica “fundamental no noso patrimonio ferroviario ao ser a cabeza tractora da primeira liña de ferrocarril de Galicia, que unía Cornes e Carril”, explicou.

“O descubrimento da Sarita sérvenos para celebrar o 150 aniversario dun fito histórico que supuxo todo un evento de época para Galicia. A nosa terra ingresaba de cheo na era da industrialización cunha mellora nas comunicacións e un cambio inmediato no transporte”, engadiu. De feito, indicou que se impulsará unha ampla oferta educativa con visitas guiadas e obradoiros gratuítos para distintos ciclos.

A peza está instalada nos xardíns exteriores da Casa Museo Camilo José Cela, na zona do aparcadoiro. É de titularidade de Adif, cedida pola Fundación de Ferrocarriles Españoles á Fundación Camilo José Cela, e foi restaurada pola Consellería con traballos de limpeza e saneamento da estrutura. Tamén se restauraron a cabina do condutor e a cuberta do teito e limpáronse todas as pezas de latón. Nestes momentos estase traballando na instalación dunha cuberta para protexela das inclemencias meteorolóxicas e facilitar a súa observación.