22 de decembro do 2020 A Xunta impulsa a publicación dun libro sobre a importancia da Xeración Nós na arqueoloxía galega

O secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o director do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, Xulio Rodríguez, presentaron este martes na sede da delegación o libro Arqueoloxía do noroeste peninsular en tempos de Nós, impulsado polo Goberno galego en colaboración co Seminario de Estudos Galegos e editado polo Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense. Trátase dunha publicación que incide na importancia da Xeración Nós para o desenvolvemento dos estudos sobre arqueoloxía galega e que se enmarca nas actividades programadas con motivo do centenario da revista Nós.

Así, durante a presentación do volume, o representante da Consellería de Cultura, Educación e Universidade destacou o importante papel que xogou Florentino López Cuevillas no campo da arqueoloxía galega. “As súas importantes achegas quedan reflectidas neste libro composto por nove capítulos dos cales catro están dedicados á súa figura”, afirmou. Neste sentido, Anxo M. Lorenzo engadiu que tanto o Museo Arqueolóxico de Ourense como o Castro de San Cibrao de Las están moi unidos ao traballo de López Cuevillas, importante investigador no campo da arqueoloxía e grande estudoso da cultura castrexa en Galicia.

Estruturado en nove capítulos, o libro reflicte o movemento pioneiro da Xeración Nós non só na literatura, senón tamén no ámbito científico, que orientaron cara á creación dunha conciencia real, cultural e histórica de país. O primeiro dos capítulos céntrase na Prehistoria de Galicia afondando no período que vai do Paleolítico á Idade de Bronce. Os catro seguintes capítulos analizan a figura de Cuevillas como pioneiro do coñecemento científico sobre a cultura castrexa, investigador da prehistoria, colaborador sobre o mundo romano e etnógrafo. A continuación o volume afonda na relación da Xeración Nós coa arqueoloxía do norte de Portugal e coa investigación arqueolóxica na Coruña, en Lugo e en Pontevedra.

Exposición e nova web

O lanzamento desta publicación enmárcase nos actos impulsados pola Xunta de Galicia con motivo do centenario da Xeración Nós, unha efeméride que se vén celebrando ao longo de todo o ano co obxectivo de poñer en valor a inmensa herdanza que deixaron estes referentes culturais.

Así, a programación deseñada para esta conmemoración que se alongará ata 2021 está composta por publicacións, homenaxes, recoñecementos e exposicións entre as que se atopa a creación dunha páxina web que aglutina todos os contidos do universo Nós, https://revistanos.galiciana.gal/, ou a exposición "Galicia, de Nós a nós", a gran mostra sobre a Xeración Nós que reúne na Cidade da Cultura máis de 300 pezas procedentes de España, Francia, Alemaña e Portugal e que desde a súa inauguración, o pasado mes de outubro, xa foi visitada por máis de 10.000 persoas de xeito presencial. A esta cifra súmanse os/as preto de 3.000 estudantes que se achegaron ao legado de Nós a través das novas tecnoloxías grazas aos percorridos virtuais para centros educativos. En total, participaron nesta actividade 50 centros de toda a comunidade.

Galería

  • Presentación do libro

  • Portada do libro