Ir o contido principal

A Xunta consolida o seu apoio ao Museo do Pobo Galego cunha achega de 451.800 € en 2023

Vista aérea do museo

A Xunta de Galicia consolida o seu apoio ao Museo do Pobo Galego cunha achega de 451.800 € para este ano que se materializan a través dun convenio de colaboración asinado o 24 de marzo entre o conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a presidenta do Padroado do propio museo, Concha Losada.

A través deste acordo, o Goberno galego contribúe a sufragar tanto os gastos habituais de funcionamento desta institución como as actividades culturais que desenvolve. Inclúe, polo tanto, contribuír á programación habitual do museo integrada por exposicións temporais, actividades didácticas para todo tipo de públicos, ciclos de cine e concertos musicais, actuacións de conservación e restauración de fondos, servizo de biblioteca, edicións de publicacións e estudos de investigación, entre outros.

Plan Xeración Cultura

Román Rodríguez salientou que esta acción se enmarca no compromiso da Xunta de apoiar todas aquelas iniciativas culturais que teñan por obxecto a protección, promoción e divulgación do patrimonio cultural galego. No caso do Museo do Pobo Galego este apoio acada os máis de 1,3 M€ do Goberno galego nos tres últimos anos.

Ademais, o convenio responde tamén ao establecido no novo Plan Xeración Cultura que vén de poñer en marcha a Xunta cun investimento de 34 M€ para o desenvolvemento de 57 accións. Precisamente un dos eixes deste plan é a preservación e protección do legado cultural e a aposta pola modernización das infraestruturas culturais.