Ir o contido principal

Xesús Vázquez Abad inaugura as obras de reforma do Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal que pon en valor a obra e figura do escritor

O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Xesús Vázquez Abad, inaugurou hoxe a sede do Museo Valle- Inclán na Pobra do Caramiñal, un centro no que se acaba de facer unha importante reforma á que a Consellería ten achegado máis de 26.000 euros para ofrecer á cidadanía un renovado itinerario pola obra como a figura do escritor arousán.

Previamente o conselleiro asinou un protocolo de colaboración cos alcaldes dos concellos da Pobra e de Vilanova de Arousa, Issac Maceiras Rivas e Gonzalo Durán Hermida, respectivamente, para a promoción e dinamización da obra de Ramón María del Valle- Inclán nos dous espazos dedicados ao escritor en ambas localidades. A delegada da Xunta na provincia da Coruña, Belén do Campo estivo presente tanto na firma do convenio como no percorrido realizado polo edifico recen reformado.

Reapertura do museo
O conselleiro felicitou ao Concello da Pobra do Caramiñal polo traballo desenvolvido para reformar o museo, grazas ao que se solucionou o deterioro propio dun edificio de máis de 30 anos, instalouse un circuíto de sensores e cámaras de seguridade, e renovouse o discurso museístico realizado a través da redistribución dos contidos.

A sede do Museo Valle-Inclán- ubicado na Torre de Bermúdez, edificio vinculado coa familia e as vivencias do literato- ofrecerá unha renovada exhibición de fondos, entre os que destaca a incorporación dunha serie de mobles orixinais da época procedentes de enderezos familiares da residencia do escritor e da súa familia, xunto con algúns obxectos persoais. Fondos como a librería, o despacho ou o dormitorio acompañaranse de fotografías nas que o escritor está facendo uso deles.

Cómpre recordar que entre as reformas realizadas neste edificio de máis de trinta anos, pola Consellería, a través da secretaría xeral de Cultura e a dirección xeral de Patrimonio, inclúense diversas obras e a instalación de sistema de control e vixilancia. Asemade nas melloras realizadas inclúense unha redistribución dos contidos do museo e a doazón por parte da familia de novos obxectos persoais tanto do escritor como da súa dona, a actriz Josefina Blanco, e o dormitorio da residencia familiar en Madrid.

Protocolo de colaboración
No relativo ao protocolo de colaboración asinado hoxe entre a Consellería e os concellos de Arousa e a Pobra ademais de ter como obxectivo traballar na difusión da obra de Ramón del Valle-Inclán e poñer en valor a súa figura así como a consolidación deste museo. No documento tamén queda reflectido o compromiso para a realización da Semana da Cultura de Vilanova de Arousa e das Xornadas de Homenaxe a Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal, precisamente este último celebra desde o pasado día 11 e ata finais de novembro, a XV edición destas xornadas, que incorporan no programa diversos espectáculos teatrais, exposicións, relatorios e concertos.