Ir o contido principal

Ultímase a ampliación da cesión da reitoral de Santo André para abrir o Museo do Viño

Imaxe aérea da reitoral

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria está ultimando os trámites administrativos para poder abrir canto antes o Museo Galego do Viño. Tal e como explicou o conselleiro Román Rodríguez en sede parlamentaria, o seu departamento traballa na apertura do centro baixo as máximas garantías administrativas e xurídicas, polo que previamente é preciso ampliar a cesión gratuíta do uso e aproveitamento da reitoral de Santo André de Campo Redondo, o espazo no que se vai localizar o futuro museo.

En concreto, o conselleiro subliñou que en 2018 remata a vixencia da cesión de uso e aproveitamento do edificio, polo que é necesario renovala por vinte e cinco anos máis, pasando do ano que vén ao 2043. Para realizar este trámite é preciso que a Diocese de Ourense achegue a documentación necesaria e, posteriormente, tramitar a aceptación da cesión gratuíta mediante decreto da Xunta de Galicia e a súa formalización no correspondente documento público. Inmediatamente despois, a Consellería licitará o Proxecto Museográfico e poñerá así en funcionamento o centro museístico.

O titular do departamento de Cultura do Goberno galego afirmou que todos os trámites previos están feitos, polo que unha vez se formalice a cesión gratuíta de uso do inmoble, o Museo poderá iniciar a súa actividade como centro encargado de recuperar, documentar, conservar e difundir o patrimonio cultural vitivinícola de Galicia.

Referente na historia vitivinícola

O Museo Galego do Viño será un referente no ámbito da etno-antropoloxía e na historia do fenómeno cultural vitivinícola, e traballará de xeito coordinado e complementario co Museo Etnolóxico de Ribadavia. Ademais do contido, o inmoble, que forma parte do Inventario Xeral do Patrimonio Cultural de Galicia, destaca pola súa relevancia e interese arquitectónico e histórico.

Máis de 1,36 millóns investidos

Ademais, Román Rodríguez lembrou as fases previas deste proxecto desde que foi cedido á Xunta de Galicia en 1997. Neste contexto, recordou que as obras que nel se acometeron por parte dunha escola obradoiro municipal non se adaptaban ás necesidades dun edificio expositivo, polo que desde o ano 2005, a Consellería realizou traballos de restauración e rehabilitación para adaptalo, conservando as súas peculiaridades construtivas, á función de museo. En concreto, foron investidos máis de 1,36 millóns de euros nesta restauración e acondicionamento.

Por outro lado, o Proxecto Museográfico herdado en 2009 tivo que ser revisado pola Consellería de Cultura en 2014, coa finalidade de rebaixar o custo da execución e adaptalo ás dispoñibilidades orzamentarias. Por tanto, actualmente disponse do espazo restaurado, do modelo museístico reformulado e das partidas orzamentarias reservadas, polo que tan só queda recibir a documentación e tramitar a aceptación e formalización para ampliar a cesión gratuíta de uso do inmoble.