5 de marzo do 2020 Publicados os resultados da Estatística de Museos e Coleccións Museográficas 2018

A Estatística de Museos e Coleccións Museográficas é unha investigación de periodicidade bianual, promovida conxuntamente pola División de Estatística e a Subdirección Xeral de Museos Estatais do Ministerio de Cultura, o Ministerio de Defensa (en relación cos museos militares) e as comunidades autónomas.

Esta operación estatística, pertencente ao Plan Estatístico Nacional, foi implantada no ano 2000 en participación co grupo de traballo de Eurostat sobre Estatísticas Culturais da Unión Europea.

A Comunidade Autónoma de Galicia vén colaborando neste proxecto dende a súa posta en marcha. Os museos e as coleccións do Sistema de Museos de Galicia participan activamente neste estudo achegando os datos solicitados por medio dun amplo cuestionario. Recóllense datos sobre os edificios que albergan estas institucións e as súas infraestruturas, así como medios técnicos e persoais, datos sobre o volume e tipo de coleccións, actividades realizadas, visitantes etc.

A recollida de datos coordínase dende o Servizo de Museos da Subdirección Xeral de Arquivos e Museos (Dirección Xeral de Políticas Culturais). Neste estudo participaron a maioría dos museos e coleccións censados en Galicia, o que resulta moi positivo porque contribúe a un mellor coñecemento da realidade dos museos e coleccións dentro do propio territorio da comunidade autónoma, así como no conxunto do Estado.

Do mesmo xeito que na anterior edición, elaboráronse publicacións sintéticas dos seus resultados en español e en inglés. Estes resultados xa están dispoñibles para a súa consulta na páxina web do Ministerio de Cultura e Deporte e foron difundidos o pasado mes de novembro por medio do Anuario de Estatísticas Culturais 2019.

Estas son as ligazóns directas: