26 de febreiro do 2021 Publicada no DOG a Lei de museos e outros centros museísticos de Galicia

A Lei 7/2021, de 17 de febreiro, de museos e outros centros museísticos de Galicia publicouse no Diario Oficial de Galicia do 25 de febreiro. É a primeira lei galega que regulará de forma autónoma e independente o ámbito dos museos, outorgándolle a estas institucións todo o protagonismo e a relevancia que merecen, e daralles un impulso como xeradores de coñecemento e de riqueza.

 

Esta norma nace para ordenar e coordinar todas as institucións museísticas inscritas na Comunidade, avanzando na accesibilidade e no impulso de novas tecnoloxías.

A lei recolle os criterios para a creación de museos, introduce sistemas integrados de información, documentación e xestión e regula cuestións relativas aos fondos como a asignación, os depósitos ou as condicións básicas nas que deben acometerse accións de conservación ou restauración. Suporá “un antes e un despois” para “mellorar e harmonizar” a organización e potenciar a súa colaboración.

Con esta finalidade, unha das principais novidades é a posta en marcha do Sistema Galego de Centros Museísticos, unha estrutura organizativa e funcional para coordinar de xeito eficiente os recursos. A integración neste sistema suporá unha serie de beneficios como a participación en liñas de axudas ou iniciativas de promoción cultural e turística e a prioridade de acceso a accións colaborativas ou formativas. En paralelo, a lei prevé o desenvolvemento das Redes de Centros Museísticos, unha figura que busca fomentar a cooperación e o aproveitamento dos recursos, á que os museos poderán adherirse voluntariamente en función da súa titularidade ou temática.

A lei suporá que os museos non só conserven e expoñan o noso acervo, senón que impulsen todas as súas dimensións: social, en diálogo constante co público; científica, para fomentar a investigación e unha mellor comprensión do noso pasado e presente; pedagóxica, como axentes de transmisión e difusión do coñecemento, e económica, xa que teñen un acreditado atractivo e potencial turístico que se debe continuar poñendo en valor.

A nova Lei de museos e centros museísticos avanzará tamén na accesibilidade universal e a igualdade, dado que os presenta como centros de cultura ao alcance de toda a sociedade e avoga pola non discriminación e por ter en conta as necesidades dos colectivos con maiores dificultades de inclusión.

A norma impulsará unha aposta pola dixitalización, sobre a que se están a dar bos exemplos na actual pandemia, que permita un gran paso adiante nos próximos anos, tanto na apertura e acceso aos contidos como nas tecnoloxías incorporadas, e que está a ofrecer propostas de divulgación dunha cultura segura na Comunidade.

Con esta Lei de museos, Galicia completa un bloque lexislativo de ámbito cultural tras a Lei de bibliotecas aprobada en 2012 e a Lei de arquivos e documentos de 2014.