Ir o contido principal

Premios para novos centros integrantes do Sistema Galego de Centros Museísticos

A Deputación de Ourense entregou o 27 de novembro no Centro Cultural Marcos Valcárcel os galardóns do Premio Rodolfo Prada 2025 á xestión cultural coa presenza, entre outros, do director xeral de Cultura Anxo Lorenzo.

A octava edición dos premios Rodolfo Prada que outorga a Deputación de Ourense á xestión cultural premiou este ano a dous dos centros museísticos que recentemente foron recoñecidos como parte Sistema Galego de Centros Museísticos.

Pola provincia de Lugo, o premio recaeu na Colección Museográfica Viva e Integrada do Campo e a Locomoción Agraria (MUVICLA) de Láncara. Marcos Vázquez Marey recolleu o galardón pola súa “labor de preservación do patrimonio agrario, recuperación da memoria rural e creación dun espazo divulgativo vivo e participativo”. O MUVICLA forma parte do Sistema Galego de Centros Museísticos dende 2021, cando foi recoñecido como centro especializado na evolución da cultura agraria e a mecanización do agro galego.

Pola súa parte, na provincia de Ourense a distinción foi para a Casa do Chocolate de Teimende pola “súa singular aposta pola recuperación do coñecemento tradicional e a creación dun proxecto cultural que pon en valor a identidade local”. A Colección Museográfica Casa do Chocolate de Teimende é unha das máis recentes incorporacións ao Sistema; créase no ano 2024 como un centro que destaca pola súa posta en valor dun patrimonio de carácter industrial singular.