Ir o contido principal

A "Peza do mes" de abril no Museo Arqueolóxico de Ourense homenaxea o Xacobeo

Neste ano xacobeo 2021, o museo recupera para a "Peza do mes" unha pequena xoia de acibeche, atopada nunha das varias escavacións na zona das Burgas, na cidade de Ourense. Trátase dunha iconografía e dun material moi empregados na peregrinación a Santiago, que tiña nos balnearios medievais das Burgas unha parada de descanso.

Habitualmente, o Museo Arqueolóxico de Ourense fai unha presentación pública na que unha persoa especialista ou investigadora dá a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características da obra escollida. Non obstante, co fin de garantir a saúde de visitantes e traballadores/as, e seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación coa COVID-19, continúase coa cancelación das actividades presenciais. Porén, a publicación virtual sobre esta peza está dispoñible en PDF nesta ligazón, onde se poden ver máis polo miúdo as características e o contexto desta peza, a cargo, neste caso, de Pilar Núñez Sánchez.

A sala de exposicións "Escolma de escultura" permanece aberta ao público.

Por outra banda, as persoas que precisen realizar algunha consulta poden facelo a través do enderezo electrónico mapour@xunta.gal ou no teléfono 988 788 439.