3 de abril do 2020 Participación no Día do Libro Infantil e Xuvenil

O 2 de abril foi o Día do Libro Infantil e Xuvenil e algúns museos realizaron contribucións para conmemorar entre todos/as este día dende a casa.

O Museo de Belas Artes da Coruña compartiu na súa web a colección de contos infantís que, baixo o título "Unha historia para un cadro", publicou en 2009 xunto coa súa Asociación de Amigos. É unha serie de contos infantís a través dos que os/as nenos/as poden achegarse ao coñecemento da pintura dunha forma moito máis amena e divertida.

Cada un destes contos foi especialmente creado para a ocasión por escritores/as galegos/as de recoñecido prestixio, como Suso de Toro, Fina Casalderrey, Marilar Aleixandre e Yolanda Castaño, e todos están ilustrados por Xosé Cobas.

Cada autor/a seleccionou unha obra da colección permanente do museo para utilizala como punto de partida e inspiración no posterior desenvolvemento da súa historia. Publicados nunha coidada edición, están pensados para achegar a rapazada aos diferentes eidos culturais, como son a literatura e as artes plásticas.

No Museo Etnolóxico de Ribadavia fixeron a súa particular homenaxe a través dunha xoia: a editorial que democratizou a lectura dos libros infantís en España. É famoso o dito: "Tes máis conto que Calleja". O museo conta con nove destas verdadeiras xoias cunhas ilustracións exquisitas, das que se pode saber máis entrando no blog da súa biblioteca, onde teñen dispoñibles varias ligazóns sobre os contos de Calleja.

Estas son algunhas das etiquetas coas que podedes atopar esta información nas redes sociais: #DíadoLibroInfantileXuvenil #museodebelasartesdacoruña  #artegalega #artegallego #coruñacultura #culturagalega #ociocoruña #acoruña #euquedonacasa #Yomequedoencasa #Euquedona #aculturasegue #NaCasa #yolandacastaño
#quedanacasa #Galicia #cultura

Galería

  • Participación no Día do Libro Infantil e Xuvenil

  • Participación no Día do Libro Infantil e Xuvenil

  • Participación no Día do Libro Infantil e Xuvenil