Ir o contido principal

Os museos da Xunta de Galicia reprograman as súas actividades cun amplo abano de contidos para o segundo semestre do ano

Os museos xestionados pola Xunta de Galicia, tras a súa reactivación despois do cese da actividade por mor da crise sanitaria da COVID-19, están xa reprogramando as actividades que tiñan previstas e ofrecendo un amplo abano de contidos para o segundo semestre do ano. Deste xeito, as dotacións culturais recuperarán algunhas das exposicións que se viron afectadas polo parón provocado polo virus. Ademais, as mostras dispoñibles poderán visitarse con todas as garantías de seguridade establecidas polas autoridades sanitarias.

Museo de Belas Artes da Coruña

Dentro da provincia da Coruña, o Museo de Belas Artes da Coruña prolongará a exposición "Luís Seoane no Museo de Belas Artes da Coruña. O legado de Maruxa Seoane" ata o mes de setembro difundindo a magnífica colección que posúe o museo dun dos máis grandes artistas galegos das vangardas históricas do século XX. Ademais, a institución coruñesa tamén ten previsto inaugurar no mes de outubro a mostra "Vestir épocas 1860-1960. A colección González-Moro", na que se exporá unha escolma de medio centenar de pezas de indumentaria histórica co obxectivo de amosar a evolución e adaptación da moda ao longo dos anos.

Museo das Peregrinacións e de Santiago

O Museo das Peregrinacións e de Santiago, pola súa banda, recuperou xa a mostra "Camiño de Santiago. Luz de estrelas", que tiña previsto inaugurarse o 12 de marzo. Trátase dunha exposición na que, a través da obra de Eiravella, móstrase a reinterpretación que o autor fixo da Ruta Xacobea e que está comisariada por Gonzalo Sellés.

Ademais, o museo santiagués acollerá a exposición "Viae ad Limina Sancti Iacobobi", de Chencho Pardo, e ten previsto rematar o ano coas mostras "Camiño Irmáns" e "Arquitectas debuxadas". O primeiro é un proxecto no que se buscan as similitudes e diferenzas entre o Camiño de Santiago e o Kumano Kodo a través da mirada de Catalina Rodríguez. O segundo recolle debuxos de edificios e elementos arquitectónicos da cidade de Santiago.

Actividade en Ourense

Na provincia de Ourense a actividade concéntrase no Museo Arqueolóxico, que dará visibilidade aos seus fondos, no Museo Etnolóxico de Ribadavia e no Museo do Viño de Galicia. Así, no Museo Etnolóxico de Ribadavia está previsto inaugurar este mes a exposición "Antropoloxía visual dunha sociedade confinada". Ademais, a partir de outubro este mesmo centro museográfico acollerá a mostra "San Cipriano Mago e Santo. Ciprianillos e tesouros ocultos". Trátase dunha aproximación ao máxico San Cipriano a través dunha guía que, entre outras cousas, achegaba indicacións sobre como atopar riquezas agochadas baixo o chan galego.

O Museo do Viño de Galicia, pola súa banda, acollerá unha mostra que afonda no vínculo do cultivo do viño coa Ruta Xacobea. Trátase dunha exposición temporal que conta con varios recursos dixitais, que foi deseñada para poder itinerar por diferentes puntos de Galicia. A finalidade é mostrar a relación e a importancia do viño nos Camiños de Santiago.

Museo do Mar de Galicia

Dentro da provincia de Pontevedra cómpre destacar a mostra "Blanquísima su presencia", do pintor, debuxante, escultor e serígrafo Nelson Villalobos, instalada no Museo do Mar de Galicia desde o pasado mes de maio. A mostra conta cunha peza única creada polo artista durante o confinamento que se pode visitar nas instalacións da cidade olívica ata finais deste mes.

Ademais, o Museo Massó de Bueu ten previstas dúas actividades relacionadas co mar. Unha delas afondará no desenvolvemento das vilas mariñeiras determinado polas industrias vinculadas co mar e a outra representará a travesía marítima de Palestina a Padrón feita polo Apóstolo Santiago.

Todas estas mostras poderán visitarse coas garantías de seguridade e cumprindo as pautas establecidas, tanto nas zonas de circulación como nas salas de visita.