Os museos celebran o Día das Bibliotecas 2020
Co lema Bibliotecas, sempre ao teu carón, o 24 de outubro conmemorouse o Día Internacional das Bibliotecas.
O Día da Biblioteca celébrase cada 24 de outubro dende o ano 1997. A edición deste ano, baixo o lema Bibliotecas, sempre ao teu carón, centrábase en destacar o importante papel que xogan as bibliotecas ofrecendo acceso á cultura, ao coñecemento e ao entretemento en calquera lugar e circunstancia.
Bibliotecas ante a COVID-19
Ademais, púxose en valor a capacidade que demostraron as bibliotecas, independentemente da súa tipoloxía ou titularidade, para continuar ofrecendo os seus servizos en circunstancias tan complexas como as derivadas da crise sanitaria da COVID-19. Tamén se recoñeceu o grande esforzo realizado polas bibliotecarias e os bibliotecarios para adaptarse ás novas necesidades das persoas usuarias e continuar desenvolvendo o seu traballo, mesmo desde as súas casas.
Polo que respecta aos museos, neste día procurouse reivindicar un ano máis o labor das bibliotecas especializadas dos museos, que seguen sendo, en moitas ocasións, descoñecidas para o público en xeral.
No Museo Etnolóxico, en Ribadavia, non só conmemoraron esta data, senón que puxeron en marcha varias opcións on line para prolongar as actividades durante días. Por unha banda, a homenaxe á xente que colaborou en liña no confinamento coa recompilación Abril na tradición. Por outra banda, propoñen "Espantamos o medo", un obradoiro en liña para clubs de lectura de bibliotecas escolares da ESO. Nesta ligazón atópase toda a información: https://bibliotecamuseoetnoloxico.blogspot.com/.
O Museo de Belas Artes da Coruña, con motivo da celebración do Día da Biblioteca, e tamén co gallo da próxima inauguración da nova exposición temporal "Vestir épocas. 1860-1960. A Colección González-Moro", realizou unha exposición bibliográfica en Pinterest cunha selección dos títulos relacionados coa moda, o traxe e a indumentaria presentes no fondo da biblioteca. Pódese ver completo en https://www.pinterest.es/bmuseo/vestir-épocas-1890-1960-mostra-bibliográfica/.
O Museo das Peregrinacións e de Santiago ten novidades na súa biblioteca: libros do Camiño de Santiago e peregrinacións, bibliotecas, museoloxía, patrimonio cultural, propiedade intelectual e turismo. Se é do voso interese, aquí están os detalles: https://www.facebook.com/museodasperegrinacionsedesantiago/posts/4706067092798574.