Ir o contido principal

Os actos centrais do 30 aniversario do CGAC incluirán un espectáculo de danza vertical e un videomapping na fachada

As conmemoracións do 30 aniversario do CGAC, inaugurado o 29 de setembro de 1993, terán esta semana os actos centrais cunha completa programación que incluirá un espectáculo de danza vertical na fachada, unha proxección de videomapping, visitas guiadas en horario especial e unha noite de concertos, ao que se sumará tamén a inauguración dunha nova exposición que repasa a historia do CGAC vinculada á arte conceptual.

Todas as actividades poderán gozarse de balde e nelas terá unha importancia singular a propia arquitectura do CGAC, obra de Álvaro Siza. Así, a noite do venres 29, os muros exteriores e a terraza converteranse en escenario dun espectáculo de danza vertical coa peza Finale, da compañía Delrevés. A partir das 21.00 horas mesturaranse danza contemporánea e artes dixitais ao tempo que se incorporarán secuencias de danza clásica. De feito, dependuradas da estrutura do edificio, as bailarinas Saioa Fernández e Sheila Ferrer interpretarán pezas de ballets como O lago dos cisnes ou O Crebanoces.

Tras o espectáculo, realizarase unha sesión de videomapping en 3D sobre a fachada do museo a cargo de Maxina. Mediante un xogo de luces e ilusións ópticas, a proxección percorrerá os 30 anos de historia do CGAC evocando algunhas das obras que no seu día estiveron expostas nos seus espazos máis representativos.

Faia, Malandrómena e Jungle by Night

O sábado 30 as actividades continuarán con tres concertos nos exteriores do museo a partir das 21.00 horas. Todos serán tamén de acceso libre e de balde. A primeira actuación correrá a cargo de Faia, artista que traballa coa música de tradición oral coa voz como ferramenta esencial. Recuperará coplas transmitidas de boca en boca que, á súa vez, completará con novas voces nun recital sobre a memoria colectiva do CGAC.

O grupo de rap compostelán Malandrómena continuará a noite de música e, para pechar as celebracións, contarase coa banda Jungle by Night, integrada por sete rapaces neerlandeses cuxos directos os converten en estrelas improvisadas de todos os festivais nos que participan.

Nova proposta artística

As celebracións compleméntanse coa inauguración da nova exposición "Implosión. Arte conceptual na colección CGAC (1965-1975)", que reunirá varias pezas entre a colección do museo, así como novas adquisicións recentes que aínda non foran mostradas, doazóns e un grupo de préstamos temporais de coleccionistas galegos ou de distintas institucións como o Museo Centro de Arte Dos de Mayo. Os actos centrais do 30 aniversario do CGAC incluirán un espectáculo de danza vertical e un videomapping na fachada.

Súmase ao proxecto expositivo en dobre sede "Traballo en equipo. 30 anos do CGAC", que desde xuño pode verse no CGAC e no Museo Centro Gaiás. Con motivo da efeméride, a mostra entra na súa recta final cun programa de actividades con visitas comentadas especiais guiadas polos seus comisarios: o director do CGAC, Santiago Olmo, e a coordinadora de exposicións do Museo Centro Gaiás, Verónica Santos, e tamén polos artistas plásticos Jorge Perianes e Mónica Alonso, que asinan dúas das obras da mostra, ambas cun carácter marcadamente inmersivo —un bosque narrativo e perturbador que dá a benvida á propia exposición e unha habitación que afonda na relación entre arte e curación a través do uso da cor. As visitas son de balde con reserva na web cidadedacultura.gal e celebraranse ás 12.00 horas os sábados 30 de setembro e 14 de outubro.