Ir o contido principal

O tecido tradicional: a colcha

Vista da colcha

O persoal do Museo Etnolóxico de Ribadavia publica un vídeo para dar a coñecer unha das súas pezas de tecido tradicional.

O téxtil ten un peso considerable na colección do Museo Etnolóxico de Ribadavia. Proba disto é a colcha ou cobertor que se presenta neste vídeo. Este cobertor, regalo persoal do etnógrafo e historiador ourensán Xaquín Lorenzo Xocas á doante da peza, é unha mostra fantástica de tecedura artesá que permite achegarnos ao amplo campo do téxtil tradicional.

Está composta por tres panos de liño feitos en tear manual, cosidos entre si polo revés. A la de cores da trama fai a decoración, que tradicionalmente se chama gorullo. Neste caso é unha colcha alta, posto que a lazada que excede a superficie fai que o debuxo quede en relevo. Os temas decorativos son mostras ilimitadas de motivos esquemáticos dispostos de forma simétrica. Os flocos están feitos en tear, á parte.