Ir o contido principal

O persoal do Museo Nacional de Arte Decorativa de Ucraína visita o Museo Etnolóxico de Ribadavia

Un obradoiro conxunto

O Museo Etnolóxico de Ribadavia mantén contactos periódicos virtuais co Museo Nacional de Arte Decorativa de Ucraína (Національний музей українського народного декоративного мистецтва). Esta relación iniciouse fai ano e medio con motivo do Día Internacional dos Museos, baixo o lema O poder dos museos que propuxera o ICOM (ICOM España). Dende entón, os dous museos mantiveron intercambios culturais en liña sobre traxe tradicional, música, téxtil, olería...

A finais de outubro o persoal do Museo Nacional de Arte Decorativa de Ucraína tivo a oportunidade de viaxar a Galicia e coñecer en persoa o Museo Etnolóxico de Ribadavia. Esta viaxe foi posible grazas ao programa de mobilidade Culture Moves Europe, posto en marcha polo Goethe-Institut; o equipo ucraíno tiña a oportunidade de viaxar a calquera lugar de Europa para coñecer outra cultura e difundir a súa ao mesmo tempo.

Foi unha grata experiencia para o persoal de ambos museos poder coñecerse en persoa, coñecer o seu traballo, a súa cultura e participar dela de maneira creativa mediante os obradoiros que organizaron para diferentes públicos.

O Museo de Ribadavia realizou un vídeo no que se recollen diversos momentos desta visita e das actividades realizadas durante a mesma.