Ir o contido principal

O Museo Etnolóxico de Ribadavia participa na formación do alumnado da Universidade de Vigo

O pasado mércores o persoal do Museo Etnolóxico de Ribadavia puido asistir á presentación dos traballos que o alumnado de primeiro das materias de antropoloxía e psicoloxía, vinculadas ao Grao en Traballo Social impartido no campus de Ourense da Universidade de Vigo, fixo na Facultade de Educación e Traballo Social.

As mostras audiovisuais foron o resultado do traballo e reflexión que durante este cuadrimestre realizaron (en compañía das profesoras e o persoal do museo) sobre o Museo Etnolóxico atendendo a cuestións de xénero, así como de accesibilidade.

Un traballo no que exposicións, catálogos, organigramas e informacións proporcionadas polo museo foron postas a exame por aquelas persoas que agora se achegan ao mundo do traballo social e que no seu futuro laboral poden ver a institución museística como un elemento clave na cohesión social.

Durante as tres sesións de contacto entre alumnado e persoal do museo, ambos grupos puideron aprender sobre especifidades e necesidades das diferentes profesións, quedando manifesta a importancia de colaborar e traballar dende a interdisciplinariedade cando se persegue unha inclusividade real.

Sen dúbida foi unha actividade de proveito que xerou conversas e reflexións que axudan ao museo na súa misión de ser un lugar que une a memoria de todos e todas e ás futuras xeracións do persoal dedicado ao traballo social a apoiarse nos museos como axentes sociais.