Ir o contido principal

O Museo do Viño convértese en sede das Xornadas Técnicas co lema "Museos en ámbitos rurais e vilegos" como eixe principal

Dende o ano 2022 estanse a celebrar de xeito reiterado as Xornadas de Museos, organizadas pola Dirección Xeral de Cultura e dirixidas a profesionais e persoal técnico e bolseiro de centros de Galicia insertos no Sistema Galego de Centros Museísticos.

A cita deste presente ano, que se celebrou o venres 20 de outubro e que tivo ao Museo do Viño de Galicia como sede principal, abandeirou o lema Museos en ámbitos rurais ou vilegos, o cal tinguiu todo un contido temático que serviu para poñer en valor a aqueles museos que se atopan localizados fóra dos centros urbanos, en pequenos núcleos do rural, e que se enfrontan á necesidade de adecuarse ás súas propias especificidades, adaptando e programando actividades e desenvolvendo eventos tendo presentes obstáculos que xorden debidos, por exemplo, á localización. Ao mesmo tempo, os participantes nestes relatorios deron a coñecer a historia e a temática dos museos que dirixen, incidindo na diversidade das formas de xestión, nos servizos que atenden ás demandas turísticas actuais e coñecendo a súa propia realidade.

Ofrecemos un especial agradecemento a todos os museos en xeral, e aos relatores que interviñeron en particular, que fixeron posible e deron voz a estas xornadas: o Museu do Douro, o Museo Massó, o Museo do Coiro de Allariz, o Museo do Castro de Viladonga xunto ao Conxunto Etnográfico das Pallozas do Cebreiro, o Ecomuseo Pazo de Arxeriz, o Museo Ramón María Aller Ulloa de Lalín, a Colección Museográfica Viva e Integrada do Campo e a Locomoción Agraria (Muvicla), o Museo Etnográfico e do Viño de Cambados, o Museo Comarcal da Fonsagrada e o Museo do Viño de Galicia.