28 de setembro do 2020 O Museo do Viño de Galicia acolle a súa primera exposición temporal

Museo do Viño de Galicia

A mostra afonda na relación entre o viño e a ruta xacobea.

O Museo do Viño de Galicia, en Ribadavia, acolle desde o 25 de setembro e ata o vindeiro mes de abril "O viño nos Camiños de Santiago", a primeira exposición temporal do museo que se centra na relación do viño e a ruta xacobea. Esta mostra, inaugurada nun acto no que participaron o secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo; o delegado territorial da Xunta en Ourense, Gabriel Alén, e o alcalde de Ribadavia, César Fernández, está composta por oito paneis de texto e ilustracións que teñen o viño como fío condutor.

Tal e como explicaron os representantes do Goberno galego, este proxecto foi concibido como un proxecto itinerante que, tras o seu paso por Ribadavia, viaxará polo territorio galego promocionando o Museo do Viño de Galicia e difundindo a relación entre o viño e a ruta xacobea. O obxectivo é, segundo salientaron, difundir a presenza do viño no Camiño de Santiago ao longo do tempo, a través de referencias mobles, literarias e gastronómicas do ámbito doméstico, monacal ou social.

A mostra, comisariada por Francisco Singul, poderase visitar ata o 30 de abril de 2021 xunto co proxecto expositivo habitual do museo, un percorrido que se inicia explicando como o viñedo crea e modifica a paisaxe que o circunda, xerando urbanismo, vertebrando o territorio agrícola e provocando un desenvolvemento e unha organización social determinada. A continuación, abórdanse os tipos de chan e os traballos na viña nas catro estacións do ano.

Os viñedos de Galicia e as denominacións de orixe actuais teñen tamén un espazo propio neste centro, en especial a zona do Ribeiro, na que se sitúa o propio museo. Asemade, ofrécese unha aproximación á organización da produción vitícola dos mosteiros, así como da propia reitoral de Santo André. As últimas salas, pola súa banda, están dedicadas a amosar ás persoas visitantes o proceso de transporte da uva ata o lagar, o funcionamento do lagar desde o século IV a. C. ata a actualidade e os obxectos relacionados coa adega e cos oficios vinculados a ela.

Galería

  • Inauguración