O Museo do Pobo Galego e o Museo do Videoxogo de Galicia impulsan a preservación do videoxogo como patrimonio cultural
O Museo do Pobo Galego e o Museo do Videoxogo de Galicia (MUVI) veñen de establecer unha colaboración para incorporar de maneira estable o videoxogo galego aos fondos, espazos expositivos e proxectos de divulgación do MPG, abrindo unha nova etapa para o seu recoñecemento como parte do patrimonio cultural contemporáneo de Galicia.
O inicio desta colaboración materialízase coa doazón de The Wall aos fondos do Museo do Pobo Galego por parte do MUVI. Creado polo programador ourensán Álex González e comercializado en 1986, está considerado o primeiro videoxogo galego coñecido. A súa incorporación é o primeiro paso dun proxecto compartido entre ambas as institucións, comprometidas coa conservación, estudo e difusión da cultura galega.
O MUVI, incorporado ao Sistema Galego de Centros Museísticos dende 2024, caracterízase polo seu labor a prol do recoñecemento do videoxogo como parte do patrimonio cultural galego, lonxe das interpretacións estritamente lúdicas do medio, e situándoo dentro dos procesos de preservación, documentación e estudo patrimonial, en diálogo co resto das expresións que conforman a memoria cultural do país.