Ir o contido principal

O Museo de Belas Artes foi escenario dunhas xornadas sobre María Casares

Participantes na xornada

O Museo de Belas Artes da Coruña acolleu o 16 de marzo a segunda xornada do ciclo de conferencias "María Casares. Do exilio ao escenario", organizado pola Xunta, coas intervencións da escritora e biógrafa da actriz, Anne Plantagenet, e do galardoado director teatral Lluís Pasqual, quen coñeceu persoalmente a artista. Os relatorios foron presentados polo secretario xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, quen salientou a oportunidade que está a ofrecer este ciclo para divulgar o legado da autora ao gran público cos testemuños de profesionais que tiveron a oportunidade de coñecela ou que levan anos investigando sobre a súa vida e obra.

A iniciativa, iniciada en febreiro, enmárcase na programación conmemorativa organizada polo Goberno galego co gallo do centenario de María Casares e prolongarase ata novembro nun total de seis xornadas. Personalidades relevantes do mundo das artes e da cultura que coñecen de preto o traballo e o legado da actriz analizarán desde diferentes perspectivas a súa figura. A seguinte cita será o 11 de maio, cos directores teatrais Josep María Flotats e Jorge Lavelli.