O Museo de Belas Artes da Coruña presenta a súa guía

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, asistiu ao acto de presentación ao público da nova guía do Museo de Belas Artes da Coruña. O museo publica esta guía respondendo á súa vocación cultural e de servizo público, co obxectivo de dar a coñecer ao público a colección que atesoura.
Tras un importante e rigoroso traballo, coordinado pola dirección e desenvolvido polo equipo técnico do museo, a guía recolle e pon en valor un gran número de pezas, documentadas e explicadas, que fan dela unha ferramenta fundamental para comprender non só o significado de cada unha delas, senón tamén a súa historia.
A través dunha selección de 280 pezas da colección permanente, a guía supón un percorrido desde o século XVI ata o século XX, no ámbito artístico español e europeo, cunha especial atención á arte galega.
A guía estrutúrase de forma cronolóxica e temática, a través das seccións de pintura, escultura, debuxo, gravado, artes decorativas, cerámica, numismática e fotografía, que constitúen os fondos do museo.
Contido da guía
- Introdución
- Síntese histórica
- Sala 1. Séculos XVI/XVIII
- Sala 2. Século XVII
- Sala 3. Séculos XVI/ XVII Retratos
- Sala 4. Século XIX
- Sala 5. Século XX
- Sala 6. Século XX Galicia
- Foro
- Sala Goya
- Sala Sargadelos
- Artes decorativas
- Numismática
- Biografías dos autores
Autores dos textos: equipo técnico-facultativo do museo
Edicións: galego, castelán e inglés