O Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense inaugura a exposición “Arte prerrománica en Ourense” na Casa de Galicia en Madrid
A Casa de Galicia en Madrid inaugurou este xoves 11 de decembro a mostra Arte prerrománica en Ourense, unha proposta expositiva que permitirá ao público achegarse, durante case dous meses, á época prerrománica de Galicia. A iniciativa, organizada pola sede institucional da Xunta de Galicia en colaboración co Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense, reúne unha selección de pezas singulares procedentes dos fondos do centro museístico ourensán.
O director da Casa de Galicia, Luis E. Ramos, deu a benvida aos asistentes destacando que a sede institucional do goberno galego na capital do estado “volve ser ponte cultural entre Galicia e a capital grazas á implicación do director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; do director do Museo Arqueolóxico, César Llana; e do comisario da exposición, Avelino Rodríguez”. Ramos subliñou que a mostra “permite descubrir un tempo que vai da caída do Imperio Romano á consolidación do románico, a través de obras que falan da nosa historia e da nosa identidade”.
A exposición ofrece unha panorámica do desenvolvemento artístico que se produciu no noroeste peninsular desde o final do mundo romano ata o século XI. Este período, caracterizado pola convivencia de tradicións herdadas e novas achegas culturais, abrangue manifestacións como a arte visigoda, asturiana ou mozárabe. Galicia incorpora ademais unha etapa propia, a sueva, que deixa unha profunda pegada na configuración do territorio, na formación da lingua e na evolución política do país durante a Alta Idade Media.
As pezas seleccionadas permiten comprender a variedade de influencias que converxeron na Galicia medieval: elementos arquitectónicos e decorativos que reutilizan materiais romanos, aportacións procedentes do ámbito bizantino, visigodo ou islámico, e creacións propias vinculadas a espazos tan simbólicos como os que hoxe integran a Ribeira Sacra. Este conxunto axuda a interpretar unha época menos escura do que tradicionalmente se pensou e que continúa xerando novos debates no campo da arqueoloxía e da historia da arte.
Ramos lembrou ademais que unha das misións fundamentais da Casa de Galicia é “a promoción da cultura e da lingua”, e que con esta mostra “poñemos en valor o patrimonio da provincia de Ourense e ofrecemos un motivo máis para descubrir a Galicia interior, gozar da súa paisaxe, da súa gastronomía e do seu inmenso legado histórico”. O responsable da Casa de Galicia en Madrid lembrou que a exposición Arte prerrománica en Ourense poderase visitar nas salas Álvaro Cunqueiro e Emilia Pardo Bazán do 9 de decembro ao 25 de xaneiro.