2 de febreiro do 2021 O Museo Arqueolóxico de Ourense presenta a "Peza do mes" de febreiro

Como cada mes, o museo escolle algunha peza de entre os seus fondos –neste caso, dos arqueolóxicos– para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións etc., e reforzar así o seu valor.

A peza que protagoniza o mes de febreiro é un portapenacho de bronce, pertencente a un casco. Foi descuberta no campamento militar de Aquae Querquennae (Porto Quintela, Bande, Ourense), onde, segundo as investigacións, estivo acantonado un destacamento dependente da Legio VII Gemina, lexión acantonada en León. Entre a gran cantidade de material atopado tamén se encontran, como é o caso, restos do equipamento militar dos soldados.

Esta peza forma parte dos fondos do Museo Arqueolóxico Provincial de Ourense co número de inventario CE006310/16.

Habitualmente faise unha presentación pública na que unha persoa especialista ou investigadora dá a coñecer de xeito máis pormenorizado a peza escollida. Non obstante, co fin de garantir a saúde de visitantes e traballadores/as, e seguindo as indicacións das autoridades sanitarias en relación coa COVID-19, o museo e a sala de exposicións "Escolma de escultura" permanecerán pechados ao público.

O peche supón a cancelación das actividades presenciais, polo que non se fará a presentación da "Peza do mes". Porén, a publicación sobre esta peza, dispoñible en PDF nesta ligazón, permite afondar no contexto histórico, as relacións arqueolóxicas e as pezas do equipamento do soldado romano, a cargo, neste caso, de Tomás Vega Avelaira.

Por outra banda, as persoas que precisen realizar algunha consulta poden facelo a través do enderezo electrónico mapour@xunta.gal ou no teléfono 988 788 439.

O equipo técnico do museo continúa a traballar, prestando servizos a través de ferramentas dixitais e potenciando os contidos online.