Ir o contido principal

O Museo Arqueolóxico de Ourense presenta a "Peza do mes" correspondente ao mes de xaneiro do 2021

Como todos os meses, o museo escolle unha peza ou obra para darlle máis visibilidade e tratala de xeito singularizado a través dunha edición virtual na que unha persoa especialista ou investigadora dá a coñecer a historia particular, o contexto histórico e as características formais e de estilo da peza ou obra escollida.

A peza protagonista que inaugura o 2021 procede do xacemento galaico-romano do Monte do Señoriño (Armea, Santa Mariña de Augas Santas, concello de Allariz), que forma parte do recentemente nomeado como conxunto arqueolóxico-histórico de Armea.

Nesta caso, a peza elixida para a súa divulgación é unha ola de cerámica común romana de corpo globular, cun interesante contexto histórico e unha suxestiva hipótese de interpretación.

Como cada mes, o Museo escolle algunha peza de entre os seus fondos -neste caso, dos arqueolóxicos- para ser tratada de xeito pormenorizado e darlle maior visibilidade, afondando no seu contexto e características, datas, filiacións, etc. e reforzar así o seu valor.

A publicación virtual sobre esta peza está dispoñible en PDF a través desta ligazón do Museo Arqueolóxico de Ourense, onde se pode afondar sobre o contexto histórico, as relacións arqueolóxicas e as interpretacións desta peza, a cargo, neste caso, de Ana María Veiga Romero.