O CGAC presenta 'As miñas cousas en observación', a primeira retrospectiva en España de Chelo Matesanz

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presentou esta mañá no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) ‘As miñas cousas en observación’, a primeira exposición retrospectiva da artista Chelo Matesanz en España. A mostra, que se inaugura hoxe, 4 de abril, ás 20:00 horas, reúne máis de cen pezas da artista desde os seus primeiros traballos a principios dos anos noventa ata a actualidade, entre as que se inclúen obras nunca antes expostas e unha instalación específica para as salas do CGAC.
Trátase dunha “panorámica de gran significado sobre unha das artistas máis singulares e relevantes da súa xeración, que desenvolve na súa obra o seu compromiso persoal coa plástica sobre a base da autenticidade, da exploración técnica e de elementos emocionais”. Así o explicaba esta mañá o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación da mostra, onde estivo acompañado pola propia artista, pola comisaria da exposición, Chus Martínez; e polo director do CGAC, Miguel von Hafe.
No seu traballo, Matesanz reflexiona acerca de cuestións relacionados coa práctica artística. Cuestiona as categorías e os xéneros tradicionais da arte poñendo en dúbida as habilidades técnicas e conceptos como a xenialidade do artista e a orixinalidade da obra de arte, entre outros. Na súa obra constrúe unha complexa cartografía de temáticas e procedementos principalmente pictóricos subvertidos desde o humor e a crítica.
As salas do CGAC acollen esculturas, vídeos, pinturas, instalacións, costuras e colaxes espallados en catro territorios metafóricos diferenciados que atenden a cuestións fundamentais e recorrentes na obra da artisa. Temas como a infancia, a violencia, o humor, a sexualidade, as iconas infantís ou a enfermidade afróntanse baixo a súa singular mirada, que batalla contundentemente cos condicionantes sociais, artísticos e culturais arredor da muller e da súa representación. Un feminismo que Chelo Matesanz aborda tanto desde a simpatía como desde a disidencia e a ironía.
Obradoiro ‘Sexualidade metafórica’
Como complemento á exposición, Chelo Matesanz propón un taller relacionado coa súa obra e centrado na sexualidade como linguaxe. A actividade, que se realizará do 8 ao 10 de abril, en horario de 17:00 a 20:00 horas, está dirixida a todo tipo de público interesado nas artes plásticas, a expresión artística e no tema proposto no taller, polo que non é necesario ter un coñecemento previo da arte.
Ao longo destes tres días levaranse a debate os códigos de comunicación, os modos e os modelos colectivos da sociedade contemporánea. Analizarase a sexualidade agochada nos textos e nas imaxes que se valen de metáforas, figuras retóricas e recursos que alteran ou multiplican os seus significados.
O taller consistirá en construír metáforas a través de situacións, obxectos, imaxes ou textos. As pezas crearanse para exhibirse no Espazo de Proxectos do CGAC.
Artista vinculada a Galicia
Chelo Matesanz (Reinosa, Cantabria, 1964) mantén unha vinculación profesional e persoal con Galicia desde hai moitos anos profesionalmente e persoalmente a Galicia. É profesora titular de Pintura na Facultade de Belas Artes de Pontevedra, onde impartiu docencia ao longo dos últimos vinte anos.
A súa traxectoria artística deriva da actividade iniciada en 1986. Desde entón realizou múltiples exposicións individuais e colectivas. Obtivo a bolsa de formación e axuda a investigadores do departamento de Cultura, Universidades e Investigación do Goberno Vasco e a bolsa da fundación Marcelino Botín, Santander. Participou na ‘Mostra de arte nova’ do Ministerio de Cultura e recibiu o Premio JASP ao mellor artista novo en Arco 96. Ten obras en coleccións de distintas entidades públicas e privadas como a Fundación Coca-Cola, a Colección Testimoni, a Deputación de Murcia, Artiumou o Centro Galego de Arte Contemporánea.