Ir o contido principal

O CGAC exhibe unha retrospectiva da obra de Olga Mesa

Autorretrato

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, presentou o 17 de marzo a mostra "Re-Visión(s). Pecho os ollos e prepárome para dar o gran salto", que pode visitarse no CGAC ata o 11 de xuño. "Unha exposición –destacou– que percorre o traballo multidisciplinar de Olga Mesa, unha figura clave da nova danza contemporánea española de finais dos 80, que ademais foi unha precursora na investigación das relacións entre o audiovisual e o corporal, entre outros ámbitos".

Tal e como sinalou o representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, Olga Mesa desenvolve na súa obra unha dramaturxia experimental que se sitúa entre a danza, a performance, o cine e a instalación e que interpela directamente ao espectador, ao que converte en axente da representación. "Isto fai que cada persoa poida construír o seu propio relato da obra baixo o seu propio percorrido persoal e a súa mirada", explicou.

A exposición do CGAC é unha retrospectiva que inclúe unha selección de pezas relevantes pensadas como un itinerario guiado por textos, vídeos, imaxes e corpos. Deste xeito, constrúe un percorrido inmersivo nas tres últimas décadas da obra de Olga Mesa a través dos espazos expositivos, un ritual de coñecemento da metodoloxía, os modos de exploración e os relatos da artista.

Na presentación participaron tamén o director do CGAC, Santiago Olmo; a comisaria da mostra, Nekane Aramburu; a propia Olga Mesa e o seu colaborador Francisco Ruiz de Infante. Ambos artistas ofreceron na apertura da exposición tres performances en diferentes espazos do CGAC.

Taller con artistas

No marco da exposición "Re-Visión(s). Pecho os ollos e prepárome para dar o gran salto", o CGAC organizou o 18 e 19 de marzo un taller da man de Olga Mesa e Francisco Ruiz de Infante dirixido a persoas interesadas na danza, no que se afondou no corpo como soporte narrativo. O traballo colectivo adoptou a forma dun percorrido pola exposición e detívose en certas instalacións especificamente pensadas para seren activadas mediante performances.

Tras estas xornadas, convidouse a dúas das persoas participantes para que continuasen a aventura cunha sesión de taller complementaria o 20 de marzo co fin de preparar un programa de performance que terá lugar os tres últimos sábados dos meses de marzo, abril e maio, mentres a exposición está en curso.

Esta proposta enmárcase na programación da Xunta de Galicia para celebrar o 30 aniversario do CGAC, composta por medio centenar de actividades que inclúen exposicións, intervencións artísticas, congresos, concursos, talleres ou publicacións para repasar e poñer en valor a historia do CGAC e analizar os restos de futuro do museo.

Ligazóns